O Tempo

O TEMPO EN PARADA DE RIBEIRA

PARADA NO TEMPO

PARADA NO TEMPO:
RECOLLIDA DE PATRIMONIO INMATERIAL DE PARADA DE RIBEIRA
A nosa propia cultura popular ofrécenos múltiples posibilidades para desenvolver coñecementos en diferentes áreas: música, danza, medio social e cultural, a lingua e literatura oral… Todas elas convertíronse en tradicións intimamente relacionadas e a miúdo inseparables. Por iso, decidímonos a recoller as do noso pobo, Parada de Ribeira, da man daquelas persoas que conservan, con grande cariño na súa memoria, un patrimonio dun valor incalculable que nos axudará a achegármonos un pouco máis ás nosas raíces e idiosincrasia. A súa recollida escrita permitiranos conservar este  marabilloso legado para as futuras xeracións paradenses.

CONTOS:
“Unha parella tomou 4 pastillas e foise para un cobertizo que, en vez de ter tella, tiña planchada. Entraron dentro e cando levaban alí un rato… caeu a planchada. Os veciños dixeron:
-Hai que chamar ao médico!
Cando chegou o médico dixo:
-Hai que cortar!
E a muller e o home que estaban dentro, dixeron:
-Noooooonnnn, hai que retellar!”
Un fillo levou a seu pai a un asilo e cando chegaron á porta dixo o pai:
-Déixame aquí que tamén deixei eu a meu pai…
O fillo mirouno e… levou a seu pai de volta para a casa

O Chuco Marrello era un home moi calaceiro, calaceiro, calaceiro que morría de fame por non dar un paso. Os veciños, vendo como era, déronlle un saco de millo. Il, ao ver o saco, non o quixo porque estaba sen moer…

LENDAS:
A escorregadoira so Soutiño.
Nesa lousa grande, gastada de tanto usala, ían xogar os nenos; collían unha lasca e escorregaban por ela.
Unha lenda que contaban os vellos dicía que certo día do ano, se se poñía a orella nesa gran lousa, se oía a voz dunha muller.
“O muíño da Lama”.
Contan os vellos do pobo que un día, hai moitos anos, apareceu un papel escrito na porta do muíño no que se podía ler o seguinte:
“Ao muíño da Lama entrei e un fol de fariña roubei. Deixa vir o mes de agosto que xa cho restituirei porque a fame non ten lei”

CANCIÓNS DE BERCE:
“Este meniño que teño no colo chámase Amaro, Benito e Antonio.
E rurú, unha tranca no cu, morreu teu pau e quedácheme tu”
Variante: ”Este meniño que teño no colo, chámase Amaro, Benito e Antonio. Deus que mo deu, leváramo logo para non andar con entrenque no colo. E rurú, cunha tranca no cu, morreu teu pai e quedácheme tu”
“Duérmete niña que tengo que hacer, lavar los pañales, lavar y coser”
“Iste neno ten soniño, ten ganiñas de durmir, ten un olliño pechado e non o quere abrir”

XOGOS DE NEN@S:
“Díceme pé de xesta
Pois cágoche un peido e rómpoche a testa”
“Dice racha,
Como esta borracha”
“Di “potiña a ferver”,
Eu a cagar e tu a lamber”
“A raíña”
Xogadoras/es:2
No chan facíase con guizos uns garabatos (9) e colocábanse as pedras. Cada xogador/a tiña 3 pedriñas que tiña que ir colocando de xeito que completasen unha raia - en horizontal ou vertical-
“A billarda”
Ao xogo da billarda, xógase con dous paus, un deles curto e ao que se fan lle fan puntas -cun coitelo ou navalla- nos dous extremos, que é o que recibe, o nome de billarda, e outro, bastante mais longo e curvado ao final. O fundamental do xogo consiste en pousar a billarda- pau máis curto- no chan, e baterlle co pau máis longo para que voe, e cando está no aire, o outro poder xogador/a atinarlle con forza cun novo golpe para lanzala o máis lonxe posible.
As regras do xogo son as seguintes:
Colócase unha pedra no punto de inicio da billarda. As persoas  que van tomar parte no xogo lánzana o máis lonxe que poden. Clasifícanse segundo a distancia acadada no tiro- o pau longo era a medida- dende onde cae a billarda ata o punto de inicio. As persoas que xogaban apostaban o número do pau máis longo, por exemplo 5-. Se acertaba, continuaba ese xogador/a, senón pasaba o turno ao seguinte xogador/a…

ADIVIÑAS:
“Velaí que non cho digo de risa, que por fóra teño a carne e por dentro a camisa”
“El la huerta de mi amo hay un animal inglés, tiene dientes y no boca, tiene cabeza y no piés”
“Por baixo de min estás, por riba de ti me teño, se non lle dou a volta ao cu, estou perdendo o tempo”
“Mételo duro, sácalo blando, coloradito y medio pingando”
“Eu chameino e il non veu, e meteu o dil no meu, il queríao sacar, díxenlle, non o saques, que aínda ten que pingolear”
“No alto me vexo, no meu cabalexo, véxoo vir e non podo fuxir”
“Nace no monte, no monte se cría e vén á casa e rifa coa tía”
“Nace no monte, no monte se cría e vén á casa e pasea todas as esquinas”
“Nace no monte, no monte se cría e vén á casa e dá máis pena que alegría”
“Unha arquiña de bo parece, pero ningún carpinteiro a sabe faguer”
“Branca por dentro, amarela por fóra, se queres saber que é, espera”
Solucións ás adiviñas:
A vela
O allo
O caldeiro que se tira ao pozo
As sopas de burro cansado
Antigamente, cando se ía comprar aceite á tenda
O ourizo e a castaña
A níchara -flor parecida á da carqueixa-
A xesta de vasoira
A madeira para facer cadaleitos
A noz
A pera